O domingo 23, Café Poético permitirá acompañar con versos os cafés nos establecementos de hostalería da vila. Ao día seguinte, o alumnado de primaria desfrutará do teatro de papel “Contos nunha roda. Rosalía”.

A Concellería de Cultura do Concello de Melide conmemora este ano o 23 de febreiro, Día de Rosalía, con senllas actividades que traerán á vida os versos da poetisa nacional galega. O propio día 23, domingo, a vila acollerá un Café Poético que encherá as rúas coas palabras rosalianas. Ao día seguinte, a compañía Tarabelos representará “Contos nunha roda. Rosalía” para o alumnado escolar.

O Café Poético con Rosalía de Castro é unha actividade que leva a cabo a concellería de Cultura xunto co servizo de Normalización Lingüística municipal. Distribuirase un total de 3.000 cartóns con poemas da autora polos restaurantes, bares e cafeterías da vila durante a hora do café, que deste modo pode acompañarse cun anaco da nosa cultura.

O luns 24, a compañía Tarabelos representará a súa función de “Contos nunha roda. Rosalía” en sesión dobre, ás 10h e ás 11:30h, na Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor. Os destinatarios destas representacións son as alumnas e alumnos dos cursos de 1º a 3º de primaria de Melide. A función é un exemplo de kamishibai xaponés, unha arte de narrar milenaria a través de teatro de papel sobre unha roda. As nenas e nenos descubrirán unha poetisa inconformista ante as inxustizas de xénero, de clase social ou de lingua.

Con estas actividades, o Concello de Melide quere recoñecer a inmensa figura de Rosalía de Castro, quen moito máis dun século despois da súa morte segue a ser unha figura fundamental da cultura do país e universal. A poetisa é tamén un símbolo da identidade galega, de reivindicación política e social e defensa de Galicia e o seu pobo.