O Concello de Melide levará a cabo unha nova edición desta competición dun dos deportes máis emblemáticos por volume de afección no municipio. Os partidos disputaranse todos os mércores no polideportivo.
A Liga de Fútbol Sala de Melide regresa un ano máis nunha segunda edición que pon de manifesto tanto o arraigo desta modalidade deportiva no municipio como o éxito da I Liga. Un total de sete equipos de toda a área melidá competirán novamente en partidos que se celebrarán cada mércores, entre as 21h e as 23h, no pavillón polideportivo municipal.
O concelleiro de Deportes, José Prado, amosouse satisfeito por “acadarmos unha nova edición desta competición, o que demostra que existía e que existe, e medrando, interese entre a afección melidá por contar cun evento destas características”.
Un ano máis, a Liga de Fútbol Sala de Melide articúlase como unha actividade deportiva alicerzada nos valores da diversión e o desfrute, antes que pola competitividade. Novamente serán sete os equipos participantes chegados de todo Melide, nunha competición na que o ano pasado o equipo Pub Mytho se alzou como vencedor.
José Prado sinala que con esta nova edición da Liga o fútbol sala se consagra como un dos “eixes fundamentais” do deporte na localidade, á par de eventos como a Liga de Pádel, as andainas ou as Escolas Deportivas. “Novamente, máis de 70 persoas van ter a oportunidade de achegarse de novo a este deporte”, reivindicou.