As medallas de Ouro recoñecen a Leonardo Miguélez Sueiro e, a título póstumo, a Jesús Carlos Pampín Rúa. A misa terá lugar ás 13h con procesión posterior. Ás 21h, concerto da Banda Escola de Música de Visantoña.
Melide celebra o vindeiro 29 de xuño, sábado, unha nova edición das Festas de San Pedro. Un ano máis, o Concello aproveitará a celebración para realizar o acto de entrega das medallas de Ouro de Melide. A festa rematará co concerto da banda da Escola de Música de Visantoña.
As festas darán comezo co pasarrúas a cargo do grupo de gaitas Herba Grileira. Ás 12h, na Casa do Concello, terá lugar o acto oficial de entrega das medallas de Ouro de Melide, que este ano recaen sobre o empresario Leonardo Miguélez Sueiro, propietario dunha das empresas máis destacadas do tecido económico local, e, a título póstumo, o antigo presidente e fundador do CF Cire de Melide, Jesús Carlos Pampín Rúa, quen faleceu este ano. As medallas recoñecen a contribución destes dous ilustres melidaos ao municipio e o exemplo que as súas traxectorias supoñen para toda a veciñanza e, especialmente, ás futuras xeracións.
Con posterioridade, ás 13h, terá lugar a misa solemne na igrexa parroquial, coa procesión a continuación. Á noite, ás 21h, o concerto da banda da Escola de Música de Visantoña celebrarase na Praza do Convento cun amplo repertorio.