Feb 16, 2023 | Actualidade

 

O concurso de disfraces e desfile celebraranse o domingo pola tarde. As actividades arrincan co concerto do Conservatorio de Música de Melide e péchanse o mércores 22 co taller de entroido para as e os pequenos da casa.

Melide vivirá as festas de Entroido 2023 cunha completa programación que volve encher as rúas de cor, música, alegría e, sobre todo, moitos disfraces. As actividades darán comezo o venres 17 de febreiro e prolongaranse ata o mércores 22.

O Conservatorio de Música de Melide arrinca as actividades de celebración co seu Concerto de Entroido. Será o venres 17 ás 20h no Centro Sociocultural Mingos de Pita.

Ao día seguinte, sábado 18, terán lugar tres actividades distintas. De 17h a 19h, a Praza das Coles acollerá unha fantástica Festa Infantil de Disfraces con xogos, baile, música e obradoiros. No caso de choiva, a actividade trasladaríase ao Pazo de Congresos. Tamén ás 17h terá lugar no Centro Social a actuación de Suso de Boente.

Ás 19h, o Pasarrúas de Entroido saíra da praza do Convento acompañado polo Folión Gaiteiro de Herba Grileira. Percorrerán as rúas da vila e rematarán cunha espectacular foliada na praza das Coles, durante a cal se ofrecerá unha degustación de produtos típicos do Entroido.

Concurso de disfraces e desfile

O domingo 19 terá lugar o Concurso de Disfraces de Melide, co tradicional desfile das e dos participantes, que partirá ás 17:30h do Cantón de San Roque, onde previamente terá lugar a recepción dende as 16:30h. O concurso celebrarase ás 18:30h no Pazo de Congresos. Se chovese, o desfile cancelarase e a recepción comezaría ás 17:30 no Pazo de Congresos.

Nesta ocasión, son tres as categorías a concurso, cun primeiro e segundo premio para cada unha delas. Na categoría comparsas participarán grupos de máis de oito participantes. O1º Premio será de 1.000 €, e de 700 o segundo. Na categoría de grupos tomarán parte grupos de 3 a 8 participantes, cun primeiro premio de 400 € e un segundo de 300. Na última categoría, a individual ou por parellas, haberá tamén dous premios. O primeiro será de 150 euros, e o segundo, de 100.

A inscrición no concurso permanece aberta ata as 14h do vindeiro xoves 17 de febreiro. Pode realizarse no Departamento de Cultura do Concello. Tamén poderán efectuarse inscricións antes de comezar o desfile, en horario de 16:30h a 17h, aínda que neste caso non se poderá escoller a música para o pase polo escenario.

O xurado do concurso, conformado por membros das asociacións e entidades municipais vinculadas á cultura e tradición, terá en conta aspectos como a orixinalidade do disfrace, o vestiario, a maquillaxe, a coreografía e música ou a posta en escena, así como o traballo feito a man na confección do disfrace.

Luns e martes de Entroido

O luns 20 de febreiro as e os melidaos máis novos teñen unha cita na Festa de Inchábeis do Pazo de Congresos, de 16h a 20h. Ademais, e de luns a mércores, o Edificio Multiusos acollerá uns talleres de entroido para nenas e nenos de 4 a 12 anos. As inscricións poden facerse no Departamento de Cultura do Concello.

O martes 21 de febreiro, o Pasarrúas do Antroido, acompañado de Gaiteiros do País, partirá ás 19h da praza do Convento. Rematará na praza dos Coles, onde actuarán as Viqueiras de Ordes cos seus cabezudos. As e os asistentes poderán desfrutar dunha degustación de doces e chocolates.

Ás 21h procederase á lectura do pregón e á queima do Entroido, póndose punto final a unhas celebracións coas que Melide recupera esta festa con plena normalidade.