Mai 12, 2023 | Actualidade, Novas Culturais

A Casa do Concello acollerá unha exposición sobre Francisco Fernández del Riego. O Día das Letras presentarase o libro de Malores Villanueva sobre o homenaxeado, e daranse a coñecer os gañadores do Premio de Relato Curto en Prol da Igualdade. A mocidade centra boa parte do resto de actividades.

O Concello de Melide organiza un ano máis un completo programa de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, que neste 2023 recoñece a figura e a obra do intelectual Francisco Fernández del Riego. Unha exposición, espectáculos, programación especial na emisora municipal e actividades de normalización lingüística orientadas á mocidade están entre as distintas iniciativas que se estenderán ata ben entrado o mes de xuño.

As actividades dan comezo o luns 15 de maio, cando arrinca o obradoiro ‘As túas redes sociais, en galego’, en colaboración co IES de Melide e orientado a normalizar o uso da lingua propia de Galicia en redes sociais. Creadores de contidos online como Leti da Taberna, Recuncho Gamer (Iago Gordillo) e Nuria Espasandín traballarán coa mocidade para axudala a crear e presentar os seus propios contidos en galego. Este programa rematará o 22 de xuño.

O martes 16 de maio, Radio Melide ofrecerá un programa especial dedicado a Francisco Fernández del Riego. Comezará ás 11:30 da mañá.

O propio día das letras, mércores 17 de maio, presentarase na sala de conferencias do multiusos o libro ‘Francisco Fernández del Rigo. Un loitador pola idea de Galicia’, de Malores Villanueva. Será ás 19h. Posteriormente, o xurado do III Premio de Relato Curto en Prol da Igualdade dará a coñecer os nomes das persoas gañadoras.

A programación inclúe tres actuacións orientadas para a poboación máis nova no centro sociocultural Mingos de Pita. A primeira delas terá lugar o xoves 18 ás 11:30. A compañía Baobab Teatro representará o seu espectáculo musical Ris Ras para o alumnado de educación infantil. O luns 22 de maio, Talía Teatro fará o propio ás 12h co seu espectáculo clown Lambetadas. O público será o alumnado entre 1º e 3º curso de primaria. Por último, o mércores 24 de maio ás 11:30h, a compañía Fantochez Baj representará ‘A viaxe feliz de Ramón Sanfiz’, un espectáculo de narración oral e monicreques para alumnas e alumnos entre 4º e 6º de primaria.

Ademais, entre o 15 de maio e o 15 de xuño, o Concello de Melide acollerá a exposición ‘Francisco Fernández del Riego, Vida e Obra’. Poderá visitarse en horario de 9h a 15h, na planta baixa da Casa do Concello.