O plan estrutúrase sobre seis eixos e máis de 80 medidas concretas. Supón un documento de traballo consensuado para implementar accións a prol da igualdade para toda a cidadanía durante os próximos anos.
O pleno municipal do Concello de Melide aprobou no pleno do pasado xoves un novo Plan de Igualdade e de Prevención da Violencia de Xénero que substitúe o ata o de hoxe vixente. Este documento explora toda unha serie de iniciativas e planificacións que procuran paliar e resolver situacións de desigualdade entre homes e mulleres no municipio, e faino coa vontade firme de integrar de xeito transversal o principio de igualdade en todas as accións municipais.
O Plan aprobado constitúe un documento de planificación a través da cal poderá promoverse a igualdade no concello. Artéllase sobre seis eixos: a transversalidade de xénero nas accións municipais; a educación en igualdade para toda a cidadanía; a participación social e o apoderamento individual e colectivo; a calidade de vida e a saúde integral; o emprego, a conciliación e a corresponsabilidade, e, por último, a abordaxe integral da violencia de xénero.
A amplitude de liñas de traballo evidencian a ambición e a exhaustividade con que se leva a cabo a elaboración dun documento acorde ás necesidades de Melide para os vindeiros anos.
Principios reitores
O novo plan municipal estrutúrase sobre unha serie de principios reitores que lle outorgan coherencia e un propósito claro. Por unha banda, o de sensibilización e participación da poboación. O plan procura promover o compromiso da cidadanía e recoller a súa opinión, tamén para atender as necesidades non detectadas doutra maneira.
Pola outra, o plan contempla o respecto á diversidade, atendendo ás necesidades e particularidades de cada colectivo dentro de Melide.
Un terceiro principio reitor é o da integración da perspectiva de xénero en todas as liñas de traballo municipal, de forma que estea presente á hora de planificar, executar e avaliar calquera política pública do Concello.
O cuarto principio é o da coordinación institucional. O plan prevé o intercambio de información, coñecementos e procedementos de traballo entre os distintos niveis administrativos co obxectivo de optimizar todas as accións municipais.
Un plan froito do diálogo
Na elaboración deste V Plan de Igualdade e de Prevención da Violencia de Xénero levouse a cabo un procedemento participativo para recoller as opinións e puntos de vista dos sectores que traballan día a día a prol da igualdade. Así, realizáronse unha serie de xuntanzas co persoal técnico do Centro de Información á Muller (CIM) e a Concellería de Igualdade, pero tamén con entidades, asociacións e veciñanza, quen achegaron propostas de medidas en materia de igualdade. Con posterioridade, e a partir destas xuntanzas, redactouse un primeiro borrador do plan que foi avaliado polo CIM e o departamento de Igualdade antes de proceder á redacción final.
Eixos de traballo
O documento final estrutúrase sobre varios eixos de intervención que comprenden obxectivos xerais, específicos e medidas concretas. Os eixos de intervención fan referencia aos ámbitos de traballo prioritario nos vindeiros catro anos. Cada eixo conta cun obxectivo xeral, que se fai posible a través de varios obxectivos concretos. As medidas son as propostas concretas de actuación.
O primeiro eixo, a transversalidade de xénero nas accións municipais, contempla catorce medidas integradas nos obxectivos de aplicar a perspectiva de xénero nas políticas municipais e promover unha comunicación institucional plenamente igualitaria e inclusiva.
O segundo eixo, a educación en igualdade para toda a cidadanía, articúlase sobre os obxectivos da promoción da coeducación e modelos de igualdade para a rapazada e as familias, así como favorecer valores e actitudes inclusivas a respecto da orientación sexual e as identidades de xénero, ademais de impulsar valores en igualdade para toda a cidadanía. Conta cun total de once medidas.
O terceiro eixo, con catorce medidas, refírese á participación social e apoderamento individual e colectivo. Os seus obxectivos son potenciar o apoderamento individual e colectivo da muller e favorecer a participación social,
O cuarto eixo refírese á calidade de vida e saúde integral, cun total de trece medidas. Os obxectivos pasan polo desenvolvemento de actividades de promoción de hábitos saudables e autocoidado, as actividades de mellora da saúde física e mental para un envellecemento activo e saudable, e o fomento da práctica deportiva e actividades de lecer e tempo libre.
O quinto eixo está ligado ao emprego, conciliación e corresponsabilidade, cun total de doce medidas. Prevé como obxectivos o fomento da corresponsabilidade e a conciliación, potenciar a incorporación da muller ao mercado laboral, e promover a responsabilidade social entre o empresariado.
O último eixo trata sobre a abordaxe integral da violencia de xénero, e contempla dezasete medidas. Os seus obxectivos son sensibilizar á sociedade sobre as distintas formas de violencia contra a muller, reforzar a coordinación entre institucións e con outros axentes sociais e consolidar a oferta de recursos de atención ás vítimas.
En total, son 81 as medidas concretas recollidas no Plan.
A concelleira de Política Social e Igualdade, Carmen Liñeira, valora moi positivamente a aprobación deste novo plan, que posibilita unha folla de ruta medida e avaliable, con obxectivos concretos, cara a un Melide máis igualitario.