Os campamentos adiantan o inicio ao 27 de xuño e prolongaranse ata o 12 de agosto. O prazo de inscrición abre o día 6 e mantense ata o 15 deste mes. Os concelleiros de Deportes e Cultura amósanse confiados no éxito dunha edición enfocada a mellorar a conciliación familiar e a experiencia de lecer das nenas e nenos.
Os Campamentos de Verán que organiza anualmente o Concello de Melide ampliarán o seu programa na edición de 2022 coa inclusión, xunto ás tradicionais actividades lúdicas para nenas e nenos de 4 a 12 anos, de actividades deportivas para rapazas e rapaces de entre 8 e 15 anos. Deste xeito, os Campamentos ofrecerán alternativas de ocio para nenas e nenos cun amplo rango de idades, entre 4 e 15 anos, e de conciliación para as súas familias durante os meses de verán.
O prazo de inscrición estenderase do 6 ao 15 de xuño, podendo realizarse na Sede Electrónica do Concello ou no rexistro municipal, en horario de 9:00h a 14.00h. A admisión levarase a cabo por orde de inscrición e terán preferencia as nenas e os nenos empadroados en Melide. Os campamentos celebraranse do 27 de xuño ao 12 de agosto.
A concelleira de Cultura, Mayka Basalo, e o concelleiro de Deportes, José Prado, valoran moi positivamente a celebración deste novo formato de Campamentos de Verán. Mayka Basalo amosouse segura de que este ano “a importante novidade de dúas modalidades de campamentos vai atraer a moitas nenas e nenos”. “Agardamos que esta edición capte o interese da rapazada ata os 15 anos que queira divertirse e seguir facendo deporte en verán”, engadiu. Por outra banda, a concelleira sinalou que co adiantamento do inicio ao 27 de xuño, dende o Concello “pretendemos que a conciliación sexa posíbel desde a fin das clases”. “Esperamos que esta medida axude os pais e nais”, explicou.
Pola súa banda, José Prado afirmou que no Concello “temos moita ilusión polo feito de seguir implicando á xente nova no deporte”. Prado lembrou que “esa foi a nosa liña de actuación durante todo este ano coas actividades deportivas municipais, e é a liña que seguiremos tamén este verán”. Para o responsable de Deportes, “os campamentos xuvenís serán unha parte fundamental da aposta integral polo deporte de Melide, que inclúe ofrecerlle á mocidade actividades para manterse activa durante as vacacións”.