~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

Melide acolle a sede do Servizo de Atención Temperá dos Concellos de Melide, Toques, Arzúa, Santiso e Vilasantar

Nov 14, 2024 | Actualidade, Novas

O cambio de localización foi aprobado de xeito unánime polos concellos. O servizo comezou a prestarse en Melide este luns, 11 de novembro. Actualmente dá servizo a case 60 nenas e nenos e as súas familias.

O Multiusos de Melide é a nova sede do Servizo de Atención Temperá dos Concellos de Melide, Toques, Arzúa, Santiso e Vilasantar. Desde este luns o servizo comezou a prestarse nesta nova localización en horario de mañá (9h-14h) e tarde (16h-18h). O cambio de sede acordouse de forma unánime entre os distintos concellos.

O Servizo de Atención Temperá engloba un conxunto de intervencións orientadas á poboación infantil, á súa familia e a súa contorna, que procura atender as necesidades que xorden por trastornos de desenvolvemento ou por risco de padecelos. Búscase en todo momento o desenvolvemento da autonomía e a consecución da inclusión social, atendendo ás necesidades transitorias e permanentes das nenas e nenos. O servizo impartido en Melide seguirá contando con tres profesionais, pertencentes aos ámbitos da psicoloxía, logopedia e terapia ocupacional. Actualmente, son 58 as nenas e nenos atendidos, dos cales 37 son residentes no concello de Melide, 17 no de Arzúa, 1 en Toques e 3 en Santiso.

A concelleira de Política Social de Melide, Carmen Liñeira, valorou positivamente o traslado á nova localización e considera que este cambio repercutirá para ben nas familias de persoas usuarias do servizo. Do mesmo modo, a edil amosou a súa satisfacción pola continuidade dun servizo que responde a unha “aposta firme” dos Concellos implicados e dá resposta a unha necesidade detectada no seu momento na contorna.