O Concello de Melide presentou na mañá de hoxe os Campamentos de Verán 2021, dirixidos a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e 12 anos.
Os campamentos, que contan con 80 prazas, darán comezo o vindeiro 5 de xullo e terán lugar ata o día 13 de agosto, ámbolos dous días incluídos, en horario de 08:30 a 14:00h.
O prazo de inscrición comezou na mañá de hoxe e estenderase ata o vindeiro 30 de xullo, realizándose a entrega da documentación en dependencias municipais ou ben a través da sede electrónica do Concello de Melide.
No momento da inscrición as familias poderán seleccionar as semanas nas que o neno ou nena vai participar nos campamentos e no caso de querer darse de baixa nalgunha das semanas inscritas terase que solicitar a modificación antes do mércores previo á semana en cuestión.
O prezo público será de 16€ semanais por neno ou nena, coa posibilidade dunha bonificación do 50% coa inscrición dun 2º irmán e sucesivos. A ordenanza tamén contempla unha bonificación do 100% cando o total dos ingresos da unidade familiar non superen o importe correspondiente da RISGA.
En palabras da Concelleira de Cultura, Mayka Basalo “ Os campamentos deste verán serán máis inclusivos e permitiran contribuír a facilitar a conciliación familiar e laboral”.
Os campamentos levaranse a cabo baixo un estrito protocolo contra a Covid-19, con obrigatoriedade do uso de máscara en maiores de 6 anos, control de temperatura e grupos reducidos, tal como establece a normativa vixente.