Feb 5, 2025 | Actualidade, Novas

A Feira de Artesanía e Gastronomía, a gran novidade deste importante evento de dinamización comercial. Melide acollerá dous días de promoción do comercio, artesá e gastronómica que atraerá centos de visitantes.

Melide celebra o vindeiro 8 e 9 de febreiro unha nova edición do Mercamelide de inverno, que regresa cun formato ampliado que inclúe a Feira de Artesanía e Gastronomía do Cerne de Galicia. Esta edición contará con 31 establecementos participantes, uns 14 postos na feira artesá e gastronómica e máis dunha vintena de actividades, o que contribúe a consolidar a cita e atraerá un ano máis centos de visitantes.

O Pazo de Congresos será novamente o escenario deste evento que ofrece unha fin de semana con prezos moi económicos en produtos de todo tipo nos establecementos participantes. Ademais, actividades para toda a familia conforman unha programación atractiva. Tanto o sábado como o domingo, o horario será continuo de 11h a 20h, cun espazo comercial, parque infantil, espazo infantil e espazo de actividades.

A gran novidade desta edición será a Feira de Artesanía e Gastronomía, que pon en valor o medio rural e permite visibilizar a actividade económica e cultural da área rural de Melide e dos concellos da contorna. O Mercamelide supón así un escaparate da rica tradición artesá da comarca da Terra de Melide.

En canto aos comercios participantes, estes inclúen como vén sendo xa tradicional todo tipo de sectores: mobiliario, fogar, menaxe, calzado, mercería, electrodomésticos, complementos… Os establecementos participantes este ano entre o evento comercial e o gastronómico e artesán serán Xeou, Mis Mejores Labores, Romero Zapaterías, Stardemoda, Zafiro Tours, Modas Alfonso, Xanela, Calzado Broz, Flor de Toxo, Goalkers, Marvi, Sueños Dándolo, Sarela, Tu Boutik, Itegal Adeslas, Electrosan. E na Feira de Artesania e Gastronomía participan Queixería Casa Donicio, Xacobleas, Jerolas, Trasdeza Natur, EA Ilustra, María Viqueira, Borboriños, Orixes Galegas Porco Celta, Obradoiro Gorín, Do Gaiteiro, Artesanía Isabel, Mel de Brezo, Fuellas Miragaya e Eva Mera.

Programa de actividades

O Mercamelide de Inverno abrirá as súas portas o sábado 8 de febreiro ás 11h. A primeira das actividades propostas partirá do Cantón de San Roque e será un paseo guiado por Melide con Guido Guía, entre as 11h e as 12h. Entre as 11h e as 14h, o espazo infantil do Pazo de Congresos ofrecerá xogos infantís e manualidades para as e os pequenos da casa.

Ás 12h terá lugar o acto de inauguración do Mercamelide e da Feira Gastronómica e de Artesanía, coa entrega dos premios “Este Nadal toca en Melide” por parte da Asociación Empresarios Terra De Melide ASETEM no espazo de actividades.

No espazo infantil, entre as 12:30h e as 13:30h, celebrarase un obradoiro sobre lapiceiros de emojis. Á tarde, de 16h a 20h, o mesmo espazo acollerá actividades variadas para crianzas: xogos de mesa, manualidades, xogos divertidos… Posteriormente, de 17:30h a 18:30h, celebrarase o obradoiro infantil de animais de madeira.

Entre as 16h e as 16:30h, o stand de Artesanía Isabel acollerá unha demostración de decoración con fío de yute a cargo de Isabel López. Posteriormente, e ata as 17:30h, o espazo de actividades acollerá a exposición “A raza Porco Celta 100% Autóctona Galega”. Ás 18h, o mesmo lugar será o escenario do evento Introdución ao Mundo do Viño: A Bodeguilla.

Por outra banda, haberá dúas actividades que se desenvolverán durante todo o sábado: o obradoiro individual de iniciación á alfarería que imparte Eva Mera (no seu stand) e un espazo infantil para as crianzas miúdas, vixiadas polas familias e con actividades sensoriais e de construción. Será no espazo infantil.

Domingo 9 de febreiro

Ao día seguinte, o Pazo de Congresos abrirá ás súas portas ás 11h, e celebrarase simultaneamente un novo paseo guiado por Melide coas mesmas características do da xornada previa. O espazo infantil acollerá ata as 14h xogos de mesa e actividades de globoflexia e, de 12:30 a 13:30h, un obradoiro de bonecos de neve e esquiadores.

Ás 12h, no stand Trasdeza Natur, ofrecerase unha cata de produtos deshidratados. Posteriormente, ás 13h, no stand de Obradoiro Gorín, unha demostración ó torno a cargo de Fran Gorín, oleiro de  Bruño.

Pola tarde, as actividades comezarán do xeito máis doce no stand de Mel de Brezo, coa presentación de produto para eventos ás 16h. O espazo infantil acollerá durante toda a tarde, a partir da mesma hora, actividades como maquillaxes, tatuaxes, manualidades e xogos de mesa. Ás 17:30h celebrarase un obradoiro de marcapáxinas de collage.

No espazo actividades terá lugar a presentación do libro “El tiempo en su final de la llegada de iguales”; de Eva Mera. Será ás 17:30h. Ás 18h celebrarase no mesmo lugar unha cata conxunta de Xacobleas con Casa Donicio. Ás 19h, levarase a cabo un sorteo de cestas de Frutas Nati e dunha escapada de fin de semana.

Ao igual que durante o día anterior, o espazo infantil contará cun lugar para as crianzas miúdas vixiadas polas familias e con actividades durante todo o día.

Unha cita consolidada

Logo de sucesivas edicións cun formato progresivamente ampliado e un recibimento moi bo do público, o Mercamelide de inverno aposta neste 2025 por unha extensión e diversificación da programación que alicerzarán a importancia deste evento no ámbito comarcal e de proximidade como unha das grandes citas anuais de dinamización comercial.