As actividades deron comezo o 1 de outubro. As Escolas Deportivas contan cun amplo programa con máis de 25 actividades estruturado en ducias de grupos.
As Escolas Deportivas e Culturais do Concello de Melide veñen de rexistrar un ano máis un masivo volume de inscrición, cun total de 842 persoas anotadas nalgunha das múltiplas actividades ofertadas. Isto representa unha porcentaxe equivalente a un 10% da poboación do municipio.
Este ano, a oferta de actividades inclúe, no tocante ás escolas culturais, teatro, ballet, ballet avanzado, baile moderno, pintura, pintura para adultos, costura, cociña, cociña para adultos e clube de lectura de adultos. As actividades deportivas inclúen pilates, escola de costas, trx, zumba, aerobic de baixo impacto, multideporte, atletismo, bádminton, baloncesto, fútbol sala, patinaxe, tonificación, deporte combinado, spinning e iniciación a running e bike.
Novamente, o centro social contará coas súas propias actividades. Estas son memoria, ximnasia e novas tecnoloxías.
As actividades deron comezo onte, martes 1 de outubro. Terán un custo de 12,38 euros mensuais, agás as actividades de memoria e club de lectura que teñen carácter gratuíto. Existen descontos para maiores de 60 anos nas actividades do centro social e descontos na cota total ás persoas inscritas en máis dunha actividade.
Dende as concellerías de Deportes e de Cultura respectivamente valórase moi positivamente a excelente acollida dunha nova edición do programa cultural e deportivo do curso en Melide. O enorme interese demostrado pola veciñanza confirma a aposta do Concello por un programa de ocio saudable.