Set 17, 2025 | Actualidade, Novas

A parroquia de Furelos volve ao 1900 co VII Mercado de Época que se celebrará os días 19, 20 e 21 de setembro. Durante estas xornadas a animación, os xogos, a música, a artesanía, a tradición e os antigos oficios serán os grandes protagonistas.

O VII Mercado de Época permitirá a veciñanza e visitantes dar un salto ao pasado, concretamente ata o ano 1900. Para iso, haberá música polas rúas da parroquia de Furelos, talleres e obradoiros de elaboración de pan e do traballo en pedra, animacións para toda a familia, circo na rúa, malabares, figurantes, zancudos, expositores de oficios tradicionais e postos de artesanía, entre outros.

A parroquia de Furelos volverá ser o epicentro galego das festas de época dende o venres 19 de setembro e ata o domingo 21. O horario dos postos e as actividades será de 18:00 a 22:30 o venres e de 11:30 a 22:30 horas o sábado e domingo.

Ademais, un dos clásicos deste Mercado de Época volverá un ano máis, o tren turístico unirá a vila de Melide coa aldea de Furelos durante toda a fin de seman, terá paradas diante da Capela de San Roque e en Furelos, cun horario o sábado e domingo de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas.

Dende o Concello de Melide convídase a toda a veciñanza e visitantes a acudir e desfrutar desta nova edición dun evento que non deixa de medrar e consolidarse como unha gran homenaxe ao pasado, unha recreación histórica, festa e diversión.