O Concello de Melide celebrará os días 22, 23 e 24 de setembro a sexta edición do Mercado de 1900 de Furelos. Animación, música, teatro, artesanía e exposicións componen unha variada oferta de lecer para a fin de semana.
Os vindeiros días 22, 23 e 24 (venres, sábado e domingo) de setembro, a parroquia de Furelos (Melide) regresa ao ano 1900 co seu xa tradicional Mercado de Época.
Unha cita que contará con talleres, exposicións, recreacións de época, música, animación, tradición e artesanía para que veciñanza e visitantes entren na máquina do tempo e regresen ao 1900. A maiores, para facilitar a chegada a Furelos, este evento contará cun atractivo engadido: o Tren Turístico, o cal unirá o centro da vila (parada xunto a Capela de San Roque) coa parroquia de Furelos.
Dende o Concello de Melide convidamos a todas as persoas, tanto do municipio como visitantes, a achegarse a Furelos durante a fin de semana do 22 ao 24 de setembro para desfrutar das nosas raíces, da cultura, oficios e música a través dunha visita ao ano 1900.