Sofía Espiñeira, El Borrón del Escribano e Babaluva Teatro protagonizan a programación da fin de semana.

A programación do Verán Cultural de Melide volve ofrecer esta fin de semana eventos para todos os gustos e idades. Trátase dun concerto de Sofía Espiñeira, o espectáculo de monicreques A Feira das Sementes e unha nova sesión de Vermú no Camiño con El Borrón del Escribano.

A praza do Convento acolle a partir das 22h do sábado 29 de xullo unha actuación de Sofía Espiñeira dentro das Noites Musicais de Melide. Esta artista mugardesa resoa cada vez máis no ámbito galego. Foi agraciada co Premio Martín Codax na categoría de Canción de Autora. As súas melodías distínguense polo seu toque persoal e a súa evocación de ritmos tradicionais.

Xa o domingo 30 de xullo, Babaluva Teatro ofrece o seu espectáculo de monicreques A Feira das Sementes ás 12h no cantón de San Roque. Unha divertida función onde se representa unha feira na que nada se vende. As sementes trócanse por outras, ou por un conto, refrán, canción ou adiviñanza.

A continuación, ás 13h, o casco antigo de Melide acolle outra edición do Vermú no Camiño. Correrá a cargo de El Borrón del Escribano, que traerá os seus ritmos pop rock.

O Verán Cultural ofrece actividades para todos os públicos durante os meses de xullo e agosto, cunha ampla e variada oferta.