O novo itinerario permitirá incrementar a accesibilidade e a seguridade tanto para peóns coma para o tráfico rodado.
Na mañá de hoxe comezaron os traballos de construción dunha senda peonil en Sabián, nunha pista que carece desta infraestrutura pero é utilizada a diario por un número considerable de veciños e peregrinos. A senda peonil discorrerá pola marxe dereita da pista, aproveitando o dominio público existente. O itinerario realizarase canalizando a cuneta existente para a execución posterior dunha lousa de formigón apta para o percorrido a pé.
O goberno municipal, sinala que mediante esta infraestrutura dotarase á localidade dunha nova zona segura para a circulación de peóns, que vén sumarse a outras iniciativas semellantes desenvoltas no actual mandato, como a senda do Folicheiro. “As veciñas e veciños de Melide contarán cun novo espazo cómodo e seguro para andar”, salienta o alcalde, José Manuel Pérez.
Estas actuacións terán un custe de 57.600 euros e serán sufragadas con fondos provinciais con cargo ao Plan Único.