A ruta dos Montes do Bocelo, que será homologada, atravesa o punto máis alto da provincia da Coruña cunha lonxitude de 19 quilómetros.
MELIDE/TOQUES 19 de novembro de 2021.– Deron comezo as obras para acadar a homologación da ruta de sendeirismo que une os concellos de Melide e Toques a través dos Montes do Bocelo. A infraestrutura, que foi acordada nunha xuntanza no mes de abril entre ambas administracións locais, será a primeira ruta homologada pola Federación Galega de Montañismo no municipio de Melide e a terceira no de Toques.
A ruta dos Montes do Bocelo- Teito da Coruña atravesa o punto máis alto da provincia da Coruña, o Coto do Pilar, a 803 metros sobre o nivel do mar, cunha lonxitude total de 19 quilómetros entre os dous núcleos municipais. Dende varios puntos do seu traxecto poden observarse lugares de grande valor dende o punto de vista do patrimonio natural e desfrutar de amplas vistas.
Os gobernos locais definen o proxecto como froito dunha “alianza de concellos” que dá lugar a un “proxecto moi importante para a comarca” que xunta tres perspectivas: a deportiva, a medioambiental-patrimonial e a turística. Dende o punto de vista deportivo, ao estar homologada pola Federación Galega de Montañismo, a infraestrutura pasa a ser a todos os efectos unha instalación deportiva ao aire libre, sumándose á oferta deportiva local.
Dende o punto de vista medioambiental e patrimonial, a ruta é unha oportunidade de difundir e dar a coñecer as paisaxes e o medio natural entre ambos os dous concellos.
As obras lévanse a cabo con sendas subvencións aos concellos de Melide e Toques de 30.000€ cada unha por parte da Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia. Ambos os dous concellos complementan o investimento con fondos propios. Así, por parte do Concello de Melide, os traballos teñen un custe total de 43.891,24 €. O Concello de Toques achega, pola súa banda, 34.347 €.