O obradoiro de Emprego “Natureza no Camiño de Santiago” celebrou esta maña o seu acto de clausura coa presenza dos alcaldes de Melide, Toques, Santiso e Arzúa, do xefe territorial da consellería de emprego e igualdade, concelleiros de promoción económica e emprego de Melide e Arzúa, alumnado e profesorado.
A actividade formou durante un ano a vinte persoas en materia de repoboación forestal e tratamentos silvícolas. Os participantes puideron aprender todo o necesario para poder desenvolverse profesionalmente nestas áreas, recibindo durante todo o curso clases teóricas e prácticas remuneradas.
Entre as actuacións realizadas polo alumnado destacan os traballos realizados na concentración parcelaria Maceda-Orois e no roteiro dos Montes do Bocelo, ámbalas dúas no concello de Melide. Pola súa banda, en Arzúa realizaron traballos de roza e mantemento na Mota, Oíns, Castro Curbín, Tronceda, Dombodán e Burres.
En Santiso, a zona náutica de Beigondo, o campo da festa de Barazón e Serantes, o campo de Visantoña, foron algúns dos emprazamentos nos que se actuou.
No concello de Toques, o curso incluíu traballos na contorna das capelas de San Cidre, San Antolín, nas fervenzas e Forno dos Mouros, entre outros.
No acto de clausura no que se fixo entrega de diplomas e certificados ao alumnado, Jose Manuel Pérez, alcalde de Melide, destacou “a importancia da coordinación entre os concellos da comarca para poder optar a estes obradoiros e a implicación do alumnado participante, desexando que a formación adquirida sexa de gran utilidade para o seu futuro profesional”.