Xan 10, 2024 | Actualidade, Novas

O concurso medra en participación con 25 locais nesta edición, fronte aos 19 da pasada. O segundo premio foi para Pro Diva e o terceiro para a imprenta Meligraf.

A carnicería Cardelle vén de alzarse co primeiro posto no Concurso de Escaparates de Nadal do Concello de Melide. O xurado, que fixo pública esta mañá a súa decisión nun acto celebrado no Salón de Plenos municipal, outorgou o segundo e terceiro premio a Pro Diva e á imprenta Meligraf, respectivamente. Na súa decisión, o xurado, designado pola concellería de Comercio, tivo en conta a orixinalidade, a montaxe, a estética, a creatividade e mais a ambientación propia de Nadal dos vinte e cinco escaparates a concurso (seis máis có ano pasado).

O primeiro premio do concurso, obtido pola carnicería Cardelle, ten un valor de 1.000€. O segundo premio, que obtivo o establecemento especializado en estética Pro Diva, é de 500€. Por último, o terceiro premio, da imprenta Meligraf, vale 250€.

O concurso natalicio, que continúa medrando ano a ano en participación e sumando novos comercios, é unha das iniciativas do Concello que promoven a creación dun ambiente único de Nadal no municipio durante as datas festivas. Na edición do Nadal pasado, a carnicería Cardelle xa obtivera o segundo premio, que agora mellora cun primeiro posto.

O concelleiro de Comercio, Xosé Igrexas, valorou moi positivamente a edición deste ano, tanto polo nivel da decoración como polo incremento no número de establecementos participantes.