O fallo xudicial inadmite o recurso contencioso administrativo presentado por CSIF e desestima o presentado polas persoas que foron integrantes do grupo municipal do Partido Popular durante o mandato 2019-2023. A resolución, emitida polo Xulgado do Contencioso Administrativo nº4 da Coruña, non admite recurso de apelación.
O Xulgado do Contencioso Administrativo nº4 da Coruña vén de emitir un fallo xudicial no que rexeita senllos recursos contenciosos administrativos presentados contra a aprobación da Relación de Postos de Traballo do Concello de Melide. Estes recursos foran presentados polo sindicato CSIF e por Dalia García Couso, María Jesús López, Natividad Laya, Raquel Rúa, Jesús Vidal e Pablo Costoya, concelleiros do grupo municipal do Partido Popular durante o mandato 2019-2023.
A xuíza rexeita, con argumentos fundamentados e de forma individualizada, cada un dos recursos no seu fallo. No caso do presentado polo sindicato CSIF, decide inadmitilo, mentres que desestima o presentado polo grupo de edís do Partido Popular. Ambos os dous procedementos xudiciais, abertos por separado, acumuláronse en xullo deste ano pola similitude da causa.
No caso do recurso contencioso administrativo presentado por CSIF, o sindicato actuaba contra a denegación, por silencio administrativo, das súas alegacións contra a aprobación inicial da RPT en decembro de 2021, e os actos derivados da mesma. O Concello, na vista do xuízo, defendeu que esta actividade non era susceptible de recurso, resultando este por tanto inadmisible. Lembraba tamén que as alegacións do sindicato si foron contestadas no informe que se incorporou ao Ditame da RPT que se aprobou en Pleno en agosto de 2022. Lembra a xuíza na súa sentenza que este é “a forma en que procede na tramitación da RPT”, decidindo inadmitir o recurso.
Confusión entre RPT e cadro de persoal
Pola súa banda, as e os concelleiros do PP presentaran o seu propio recurso contencioso administrativo contra o acordo plenario de agosto de 2022 polo que se aprobou de forma definitiva a RPT. Neste recurso, e tal como recoñece a sentenza, o grupo Popular non sinala “en que consiste a nulidade que se solicita” nin “as infraccións que invoca”.
A xuíza lembra que o recurso confunde a Relación de Postos de Traballo co Cadro de Persoal do Concello, polo que se imputan infraccións de límites á RPT que non lle corresponden. No texto lémbrase que a RPT é unicamente un “instrumento técnico de ordenación do persoal, das necesidades e dos requisitos de cada posto”, fronte a un cadro de persoal ligado á dotación orzamentaria e que non pretende estruturar o persoal.
Ademais, o recurso afirmaba que se vulneraba a xurisprudencia sobre a prevalencia da liberdade de acceso con idoneidade sobre o principio de exclusividade. Porén, a sentenza xudicial afirma que a RPT si incorporou todas as apreciacións neste sentido contidas no informe de secretaría municipal de novembro de 2021. Igualmente, fronte ao que se afirma no recurso sobre a falta de motivación do acordo, a memoria explicativa do procedemento explica de xeito razoado como se valorou cada posto de traballo e a súa asignación.
A resolución xudicial non admite recurso de apelación. Ademais, no fallo impónselle ás e os denunciantes os custos do proceso.
Satisfacción no Concello
O alcalde de Melide, José Manuel Pérez, amosou a súa satisfacción pola resolución de ambos os dous recursos, considerando que esta decisión xudicial demostra que “o Concello de Melide actuou en todo momento de forma regulamentaria e axustada a Dereito para dotarse por fin dunha Relación de Postos de Traballo tras 16 anos”. Lembra o rexedor que “a RPT aprobada en 2022 acabou coa práctica totalidade da desigualdade existente entre postos laborais dentro do Concello” e permite “mellorar substancialmente os servizos prestados á cidadanía”.