Set 20, 2022 | Actualidade

Na reunión de traballo mantida na mañá de hoxe a subdelegada destacou a Melide por facer uso de todos os instrumentos postos a disposición dos Concellos para a loita contra a violencia machista.

María Rivas, subdelegada do Goberno en A Coruña, visitou esta mañá o Concello de Melide para abordar as transferencias do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e estreitar a colaboración nesta materia.

Durante a reunión na que estiveron presentes a subdelegada do Goberno, María Rivas, o alcalde de Melide, José Manuel Pérez, a concelleira de Política Social, Igualdade e Saúde, Carmen Liñeira, a concelleira de Educación, Chus Iglesias, así como responsables do Centro de Información da Muller (CIM), Policia Local, e a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, Maribel Álvarez, a subdelegada agradeceu ao alcalde e a Carmen Liñeira, o alto nivel de colaboración, destacando a Melide como referencia na loita contra a violencia machista por facer uso de todos os instrumentos postos a disposición dos concellos por parte do Goberno.

Despois da reunión visitouse a unidade especializada en Violencia de Xénero (unidade Vioxén) no cuartel da Garda Civil de Melide e o Centro Social Municipal, no que a subdelegada coñeceu de primeira man os traballos realizados nesta materia.