Corais polifónicas e grupos e asociacións de música tradicional protagonizan un programa que se estende durante tres fins de semana no centro sociocultural Mingos de Pita.
Melide acolle unha nova edición, e xa van trinta e catro, da Semana da Música da Terra de Melide, organizada novamente pola Coral Polifónica co apoio do Concello. Esta cita musical ineludible estenderase ata o día 24 de novembro e será novamente punto de encontro para asociacións, bandas, voces e instrumentistas de toda a comarca, cun destacado peso da música tradicional, como vén sendo habitual neste evento. Todos os concertos terán lugar no Centro Sociocultural Mingos de Pita ás 19:30h.
A Semana arrinca o sábado 9, coas actuacións de Gaiteiros do Balado (Toques) e Os Melidaos. Estes últimos traerán sons tradicionais dun amplo repertorio que xa inclúe catro traballos publicados. Ao día seguinte, o domingo 10, será a quenda dos concertos de Fol da Chousa, a agrupación folclórica de Visantoña (Santiso) e da Asociación A Maristela (Sobrado).
A seguinte fin de semana chegará cargada de concertos ao centro sociocultural. O sábado 16 actuará Irene Ruiz e, posteriormente, a cantautora Nadia Sniba, ambas as dúas melidás. Pechará a xornada o Conservatorio de Melide co seu variado repertorio.
Ao día seguinte, o domingo 17, será a vez dalgúns dos conxuntos máis emblemáticos da Semana da Música. Comezará o grupo Os do Medio, seguido por Herba Grileira e, como broche, a Banda-Escola de Música de Visantoña.
A derradeira fin de semana do evento abrirase coa actuación da Coral Polifónica de Santiso o sábado 23. Seguiranlle o gaiteiro Suso Ascariz xunto co acordeonista Carlos Fernández. Pechan o sábado A Bandiña de Melide.
O domingo 24 póñenlle fin á Semana os concertos de Pozo Pequeno, Froito Novo e mais a Coral Polifónica local.