~

Sede

Electrónica

Perfil

do contratante

Taboleiro

de anuncios

A saúde mental, a mocidade e a sensibilización sobre actitudes machistas centran a programación polo 25-N do Concello de Melide

O propio luns 25 lerase o manifesto na Casa do Concello. Esa tarde, o posto divulgativo “Fagámolas visibles” exporá formas distintas de violencia e actitudes machistas. O alumnado de infantil, primaria e secundaria asistirá a varias actividades lúdicas e divulgativas.

O Concello de Melide organiza, un ano máis, un amplo programa de actividades arredor da data do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Durante un mes, o municipio acolle actividades de sensibilización e divulgación dirixidas a distintas capas de idade e sobre diversas expresións da violencia contra a muller.

A sensibilización e prevención de condutas machistas entre a mocidade é o obxectivo dunha parte destacada das actividades previstas, que dan comezo o luns 18 de novembro co obradoiro “Falarnos bonito” dirixido ao alumnado de 4º de educación primaria do CEIP Nº1. Ao día seguinte, o martes 19, asistirán ao mesmo obradoiro os cursos de 4º dos CEIP Martagona e Pastor Barral.

O alumnado de infantil, pola súa banda, desfrutará do espectáculo de contacontos teatral “Aprendendo a querer”, o luns 25 de novembro na Biblioteca Municipal Xosé Vázquez Pintor. En canto ás alumnas e alumnos do IES, asistirán ao obradoiro PorNo(n) Educar entre o 17 e o 19 de decembro.

Xestión do estrés

Entre as actividades programadas con motivo do 25 de novembro salienta o obradoiro de Autocoidado e Xestión do Estrés “Integrarme”. Esta actividade para mulleres celebrarase o xoves 21 de novembro, ás 17h, no centro social. Dado que as prazas son limitadas, é preciso inscribirse previamente, ben no propio centro social, ben no teléfono 981 50 57 06.

Actividades o 25N

O propio día 25, a Casa do Concello acollerá ás 12h a lectura do manifesto co gallo do Día contra a Violencia de Xénero. Posteriormente, entre as 16h e as 20h, instalarase no multiusos o posto divulgativo “Fagámolas visibles”, orientado a todos os públicos. Neste espazo exporanse non só distintas formas que pode adoptar a violencia machista, senón os diversos machismos e micromachismos invisibilizados con presenza social.

O martes 3 de decembro, a ONG Movemento pola Paz presenta o Proxecto Migradas: Mulleres Migrantes ante a Violencia de Xénero, un evento dirixido a profesionais. O proxecto visibiliza as diversas situacións e experiencias violentas que enfrontan as mulleres migradas en España.