Un gran número de asociacións de carácter cultural e deportivo organizan ou participan nun programa que inclúe probas deportivas, espectáculos musicais e as tradicionais festas de San Pedro coa entrega das Medallas de Melide.
A axenda cultural e deportiva do mes de xuño no Concello de Melide chega cargada cun bo número de actividades que destacan, alén de pola súa variedade, pola implicación dun tecido asociativo que dá boa mostra do seu vigor. Deste xeito, moitas das actividades contarán coa colaboración e o traballo organizativo de asociacións culturais e deportivas sen ánimo de lucro.
As actividades arrincaron o pasado 7 de xuño coa celebración do festival de cantareiras Voces Agarimosas, organizada pola Asociación Alecrín no centrosociocultural. O mesmo espazo acollerá o Festival de Habaneras da Coral Polifónica de Melide, que terá lugar o sábado 14 de xuño ás 19:30h.
O xoves 19 celebrarase unha función para o alumnado do IES de Melide de ‘Axúdame a cantar!’, con Felisa Segade e Montse Rivera. Será ás 10:30h no centro sociocultural.
O Conservatorio de Música de Melide ofrecerá dous concertos durante o mes de xuño. O primeiro deles terá un carácter didáctico e terá como público o alumnado dos tres centros locais de educación infantil e primaria. Será o venres 13 de xuño, en sesión dupla (11h e 12h) no centro sociocultural. Unha semana despois, o venres 20, terá lugar o Concerto de fin de curso. Será ás 19:30h, tamén no centro sociocultural.
O sábado 21 de xuño, o verán dará comezo da man dunha nova edición da media maratón “Os 21 do Camiño”, que une Melide coa veciña localidade de Palas de Rei. Organizada novamente pola asociación deportiva Cerne, a proba partirá de Palas ás 18:30h.
Ao día seguinte, o multitudinario concurso de baile tradicional dos Santiaguiños de Boimorto volverán situar a vila de Melide como un referente da música tradicional galega. Será no Centro Sociocultural Mingos de Pita dende as 10 da mañá.
O venres 27 e mais o sábado 28, Melide acollerá a décima edición da Concentración Moteira Mili Riders, un evento para apaixonados polo motor que dará comezo ás 11h no Parque de Rosalía de Castro e incluirá actividades como o concerto de Malditos Pendejos, rutas e unha boa oferta gastronómica onde non faltarán o polbo ou unha paella xigante.
San Pedro
O domingo 29, Melide celebra o seu día grande con motivo do Día de San Pedro. Un ano máis, o Concello distinguirá colectivos e persoas importantes para o municipio coas Medallas de Ouro de Melide. Este ano, unha das medallas recae a título póstumo no doutor Eladio García Rodríguez, cunha vida dedicada a Melide e a súa comarca. A outra distinguirá a agrupación Os Melidaos, que cumpre un cuarto de século consagrada como un nome esencial da cultura tradicional galega. A entrega terá lugar ás 12 da mañá.
Na tarde do Día de San Pedro, a Asociación Herba Grileira protagonizará un percorrido musical pola vila de Melide baixo o título ‘A pé de rúa’. Partirá ás 18h da Praza do Convento e volverá encher as rúas da vila de festa.
As celebracións de San Pedro péchanse ás 20:30h co concerto que a Banda de Música de Visantoña ofrece na Praza do Convento.