O complexo permanecerá aberto ao público ata o mes de setembro. Foron reparadas as deficiencias en ambos os dous vasos que provocaban perdas de auga.
O Concello de Melide reabriu este luns, 1 de xullo, a piscina municipal exterior da área recreativa de Furelos. Permanecerá operativa durante toda a tempada de verán, ata o mes de setembro, en horario de 12h a 20h. Ambos os dous vasos da piscina foron obxecto de obras de reparación recentes para corrixir os problemas de perda de auga que se rexistraban.
As actuacións leváronse a cabo tanto sobre o vaso grande da piscina como sobre o pequeno. No primeiro, os traballos incluíron un hidrolimpado e posterior repicado do gresite solto. Cubriuse todo o vaso cunha capa de 15 milímetros de morteiro especial para piscinas que serviu como base dunha lámina armada. Ademais, instalouse unha nova impulsión a base de tubos e bocas de impulsión de polietileno. Construíronse dous novos sumidoiros de fondo cos seus correspondentes desaugadoiros. Tamén se tratou a ferruxe das tampas do vaso de compensación e pintáronse. No vaso pequeno, os traballos foron practicamente idénticos.
Esta posta a punto da piscina exterior de Furelos permitirá á veciñanza e visitantes desfrutar deste espazo de baño nas mellores condicións durante o verán, evitando a formación de pozas ocasionais na área axardinada como consecuencia das perdas na piscina.