Out 1, 2025 | Actualidade, Novas

O espectáculo do colectivo CBV representarase en dúas funcións este venres, 3 de outubro. A primeira irá destinado ao alumnado de secundaria e asegunda, ás 20h, para o público xeral no centro sociocultural Mingos de Pita. Forma parte da extensa programación do Outono Cultural municipal.

A obra “Menú-do Día” representarase en Melide o vindeiro venres, 3 de outubro, dentro do amplo programa de actividades deseñado polo Concello dentro do Outono Cultural. Este espectáculo, a primeira creación do colectivo CBV #ChamizoBelloVila é unha crónica das violencias continuadas e transversais que sofre o colectivo LGTBIQ+, desenvolto ao longo de máis de dous anos dende unha peza breve ata a obra actual.

En “Menu-do día”, o ColectivoCBV amosa novas realidades de disidencia e activismo cara a unha sociedade máis avanzada. Ideas como a tensión entre o odio e a ledicia, a escuridade e a luz, a tristeza e a aceptación, así como a diversidade, asómanse durante a función.

O espectáculo representarase o venres pola mañá, ás 10h, para o público de secundaria. A función para o público xeral terá lugar ás 20h no Centro Sociocultural Mingo de Pita.

Diego Chamizo, Alberte Bello e David Vila integran o Colectivo CBV #CHAMIZOBELLOVILA. Estes tres creadores traballan dende unha visión colaborativa da arte, a favor da diversidade e a conciencia social a través de novas linguaxes de creación.

“Menú-do Día” acadou o Premio do Público no II Certame 67º Ourense Fervescénica, así como o mesmo premio no Certame Micro-escenas Metro Cadrado do 31 Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) 2022.

O Outono Cultural propón este ano á veciñanza de Melide case tres meses de completas e variadas actividades, que inclúen teatro, espectáculos musicais ou mesas redondas e exposicións.