Un total de 1.200 persoas participarán nas dúas rutas da proba deste ano. A proba une as localidades de Palas de Rei e Melide a través do Camiño de Santiago. Un completo programa de actividades completa esta cita deportiva.
O Concello de Melide será o vindeiro sábado, 15 de xuño, meta da proba deportiva Os 21 do Camiño, a media maratón que une a localidade con Palas de Rei a través do Camiño de Santiago. Un total de 1.200 atletas tomarán parte nesta décima edición da proba que conta con dúas modalidades, a clásica e a de seis quilómetros. A primeira contará con 1.000 corredores, e con 200 a segunda.
Entre as e os corredores que se agardan na presente edición, figuran nomes consagrados da proba como José Canda, Anxo Castro, Tina Fernández, Gema Martín ou Manu Lorenzo, entre outros. A saída de ambas as probas será ás 18.30h.
As e os gañadores das distintas categorías recibirán como premio unha fermosa réplica da ponte melidá de Furelos, realizada en ferro polo artista Jorge Eiroa, co selo de Artesanía de Galicia. A mesma ponte será o motivo principal das medallas da carreira.
Outras actividades o venres, sábado e domingo
A xornada complementarase con actividades durante toda a fin de semana. O venres, 14, véspera da carreira, os participantes soltarán pernas na Warm-Up, con saída no SofteeSports Training Club de Palas de Rei e chegada no Hotel Balneario Río Pambre onde desfrutarán dun ágape e participarán no sorteo dunhas zapatillas deportivas.
O mesmo sábado pola mañá celebrarase unha carreira de iniciación á orientación para nenas e nenos, que terán que ir acompañados en cada caso por unha persoa adulta. O percorrido, apto para todas as idades, será de dous quilómetros. Partirá ás 11 da mañá da Praza do Convento. Ademais, ata o 24 de xuño, permanece aberto o concurso fotográfico da media maratón, para fotografías relacionadas coa carreira. Entregaranse tres premios de 100, 60 e 40 euros respectivamente.
Por outra banda, o mesmo sábado 15, en colaboración co Museo da Terra de Melide, terá lugar un roteiro dende as 12 da mañá polo Melide histórico. Servirá para que as persoas asistentes aprendan máis sobre a vila e a súa importancia xacobea.
Ao día seguinte da carreira, o domingo 16, está convocado un evento de “Plogga”, unha ecolóxica maneira de practicar deporte que implica a recollida de lixo. Servirá para recoller e reciclar os refugallos que poidan quedar logo da celebración da proba, como unha forma de reducir o impacto do evento. Partirá do Cantón de San Roque ás 10h. Ás 12h terá lugar en Casa Somoza (O Coto) unha charla sobre o proxecto Mares Circulares.