Os Concellos de Melide e Toques organizan unha nova edición desta camiñada de posta en valor da ruta que une ambos municipios a través do Coto do Pilar, o punto máis alto da provincia. Haberá autocares para o regreso dende o propio cumio. A saída efectuarase tanto de Melide como dende Toques, podendo participarse na andaina en calquera dos dous sentidos.
O vindeiro 12 de outubro celebrarase a II Andaina dos Montes do Bocelo, unha iniciativa conxunta dos concellos de Melide e Toques, na que colabora a asociación deportiva A:D Cerne. A camiñada, a través da ruta de sendeirismo que une ambos os dous municipios, atravesará o Coto do Pilar, teito da Coruña, o punto máis alto da provincia con 803 metros sobre o nivel do mar. Esta ruta habilitada entre ambas as dúas administracións locais, ten como referencia da Federación Galega de Montañismo PR-G 259.
A Andaina partirá ás 9:30h da mañá dende Melide e Toques. A ruta dende Melide ata o Coto do Pilar ten unha lonxitude de 10,8 quilómetros, mentres que dende Toques ao mesmo punto hai unha distancia de 8,6 quilómetros. Haberá autobuses no Coto do Pilar para o regreso ao punto de saída, aínda que as persoas participantes poderán continuar a ruta ata chegar ao punto de saída contrario, percorrendo en total case 20 quilómetros.
A inscrición pode efectuarse a través da APP Sporttia, presencialmente nas Casas do Concello de Melide ou Toques ou a través dos teléfonos: 981 505 001 extensión 2103 (Concello de Melide), 981 505 826 (Concello de Toques), 620 60 57 81 (Deportes Melide) e 626 44 58 16 (Deportes Toques). As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.