Pode visitarse no Centro Sociocultural Mingos de Pita de 18h a 20:30h ata o 27 de novembro. O alumnado dos colexios visita a exposición durante esta semana.
Melide acolle ata o vindeiro 27 de novembro a exposición ‘Golfiños na proa’, unha iniciativa que pretende achegar ao público a riqueza do mar galego concretada na diversidade de cetáceos -mamíferos mariños- que viven ou pasan polo noso litoral. A mostra pode visitarse xa no Centro Socio Cultural Mingos de Pita de 18h a 20:30h.
A exposición foi posta en marcha pola Deputación da Coruña coa colaboración da CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños). Precisamente, persoal desta última acompaña o alumnado dos colexios de Melide en visitas que serven para que a rapazada se familiarice co valor e a importancia de coidar dos nosos mares. O pasado 18 de novembro visitárona as e os nenos do CEIP Pastor Barral. Hoxe toca visita do alumnado do CEIP Nº1 e mañá, xoves 20 de novembro, será a quenda do do CEIP Martagona.
Nesta exposición as nenas e nenos aprenden máis sobre as vinte e catro especies de odontocetos (cetáceos dentados) que habitan as nosas costas, caso dos golfiños, arroaces, candorcas, cachalotes ou toniñas. Tamén sobre os misticetos, os cetáceos con barbas, entre os que contamos os rorcuais comúns, as baleas azuis ou os xibartes. Unha biodiversidade que achega Galicia máis ás características dun literal insular ca continental.
A exposición Golfiños na Proa pecha en Melide unha xira que xa a levou por Fisterra, Arteixo e Boiro.
