O Ministerio de Transportes vén de aprobar o proxecto de mellora da seguridade viaria e de reordenación de accesos na estrada N-547. A encrucillada, situada na entrada do casco urbano dirección Santiago de Compostela, é un “punto negro”.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible aprobou de xeito definitivo o proxecto de mellora da seguridade viaria e de reordenación de accesos na estrada N-547 no punto quilométrico 49,50. Este lugar, na entrada da zona urbana de Melide, correspóndese coa encrucillada de Santa María, na intersección coa rúa Sabián e coa estrada cara a Visantoña. Con esta intervención cúmprese unha vella reclamación da veciñanza melidá.
A intervención consistirá na creación dunha rotonda que regule o tráfico existente na zona, de notable volume por atoparse na principal vía de comunicación entre as cidades de Lugo e Santiago de Compostela. As obras complementarias deste proxecto inclúen a rehabilitación do firme, a reposición da drenaxe, alumeado, servizos e propiedades, ademais da adecuación da sinalización e o balizamento.