Concelleira e Deputadas visitaron varias infraestruturas culturais e deportivas e falaron das posibles liñas de axuda que se poderían achegar desde a institución provincial.
As deputadas provinciais Cristina García e Natividade González, acompañadas de Ana Mosteiro, concelleira do BNG e que forma parte do goberno local con responsabilidade na áreas de cultura, deportes e lingua, visitaron as principais instalacións do municipio para coñecer de primeira man o seu estado. As Deputadas comprometéronse a trasladar e analizar no seo do goberno da Deputación as demandas trasladadas pola concelleira e as posibles solucións que se poderían aportar.
Cristina García, Natividade González e Ana Mosteiro, percorreron instalacións como o Pavillón Polideportivo, a Piscina Climatizada Municipal e a Casa da Cultura. Durante a visita, puideron comprobar directamente as deficiencias dalgunhas destas infraestruturas, especialmente a piscina municipal. Trátase dun proxecto de grande envergadura, que require un investimento considerable.
A recuperación e mellora destas dotacións resulta fundamental para o Concello de Melide, tanto desde o punto de vista deportivo como cultural, e permitirá garantir servizos públicos de calidade para toda a veciñanza. Supón, ademais, unha oportunidade para dinamizar a vida social e comunitaria, favorecer hábitos de vida saudables e mellorar o acceso á cultura e ao deporte, especialmente entre a mocidade e as persoas maiores.
Con esta visita, a Deputación da Coruña dá un primeiro paso para retomar un proxecto estratéxico e necesario. As deputadas comprometéronse a trasladar estas demandas nunha xuntanza co grupo de goberno da Deputación de A Coruña e a estudar en coordinación cos servizos técnicos e co concello de Melide as distintas vías de colaboración que fagan viable esta actuación, entre outras.
A concelleira, Ana Mosteiro, agradeceu a dispoñibilidade de colaboración e trasladou “a importancia da cooperación institucional para avanzar cara solucións reais”.
Ana Mosteiro quixo tamén valorar a visita e tamén o traballo que se fai desde o goberno da Deputación facendo fincapé “ en que apoiar desde esta institución aos concellos en actuacións deste tipo son unha aposta polo reequilibrio territorial e pola mellora das condicións de vida no rural”.