A Biblioteca Pública de Melide celebrou hoxe o Día da Biblioteca cunha actividade dirixida ao alumnado de primeiro de Educación Primaria dos tres colexios da vila. A conmemoración contou coa participación de Polo Correo do Vento, que presentou o seu espectáculo Cantareiras, unha proposta que combina a narración oral, a ilustración en directo e a música tradicional.
Durante a sesión, Quique Mauricio, contador de historias, achegou ao público infantil ao universo das Cantareiras, baseándose no seu libro As Cantareiras, no que se recollen as voces e o valor destas mulleres transmisoras da cultura popular galega. Pola súa banda, Tania Solla, ilustradora, deu vida ás protagonistas a través dunha ilustración realizada en directo, mentres soaban pezas musicais interpretadas con instrumentos tradicionais galegos.
A actividade converteuse nunha experiencia participativa e lúdica que permitiu ao alumnado gozar da literatura, da arte e da música ao mesmo tempo, reforzando a importancia da biblioteca como espazo de encontro, aprendizaxe e creatividade.
Con esta proposta, a Biblioteca de Melide quixo poñer en valor o papel das bibliotecas como lugares de acceso á cultura e á imaxinación, celebrando o 24 de outubro, Día da Biblioteca, unha data que lembra a necesidade de fomentar o hábito lector e o amor polos libros desde as idades máis temperás.

