- A iniciativa, deseñada especialmente para contornas rurais, pretende contribuír a mellorar os niveis de saúde integral das persoas participantes e aportar ferramentas para fomentar un maior benestar físico e social
- Melide será un dos primeiros municipios en contar con un Club de Saúde, xunto con Cedeira e Vimianzo
A Asociación Española Contra o Cancro presentou onte o seu Club de Saúde en colaboración co Concello de Melide. O acto tivo lugar na Sala de Conferencias do Edificio Multiusos de Melide, e contou coa presencia de Javier Álvarez Barbeito, representante do Consello Provincial da Asociación Española Contra o Cancro, José Manuel Pérez Penas, alcalde de Melide, e Teresa Ferreiro, xefa de Servizo do Centro de Saúde de Melide. Os Clubes de Saude da Asociación están deseñados para mellorar a saúde integral — física, emocional e social — das persoas nas contornas rurais, proporcionando ferramentas para fomentar un maior benestar, e conta co apoio da Consellería de Sanidade.
Un proxecto pola saúde integral en Melide
O Club de Saúde de Melide é un proxecto pioneiro que busca facilitar o acceso a recursos de saúde integral, especialmente en áreas onde estes servizos poden ser menos accesibles, fomentando o concepto de equidade que a Asociación defende. Dirixido a pacientes con cancro, superviventes e os seus familiares, o club ofrece un espazo semanal de encontro e apoio. Entre as actividades que se levarán a cabo por un equipo de profesionais especializados e voluntarios da Asociación, inclúense talleres sobre nutrición, exercicio físico adaptado, promoción de hábitos saudables, desenvolvemento de habilidades no manexo de emocións, e actividades que promoven a inclusión social e o benestar comunitario. O proxecto piloto terá lugar en Melide, Cedeira e Vimianzo, con ánimo de crecer nun futuro en máis puntos do territorio da provincia coruñesa.
O Club de Saúde de Melide terá lugar no Centro de Saúde, de 17.00 a 18.30 horas do mércores 12 de xuño ao 4 de decembro. A participación no club é completamente gratuíta, requirindo unicamente dunha derivación por parte do médico de cabeceira ou a través dos voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro en Melide.
O alcalde, José Manuel Pérez, manifestou que é “unha honra poder colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro nesta iniciativa tan necesaria”. Ademais, engadiu “Un recurso coma este tan cerca das casas dos pacientes oncolóxicos de Melide e das súas familias é moi importante para facilitar a estas persoas unha atención adecuada que non poña máis trabas e dificultades no seu camiño”.