Out 16, 2025 | Actualidade, Novas

Será o domingo 19 ás 19h no centro sociocultural Mingos de Pita. Donaire ofrecerá o seu repertorio de música e baile tradicionais, froito de 25 anos de experiencia.

A Asociación Donaire celebrará os seus vinte e cinco primeiros anos de existencia cunha fantástica actuación o vindeiro domingo, 19 de outubro, dentro da programación do Outono Cultural de Melide e do Outono das Artes da Deputación da Coruña. Esta asociación coruñesa de música tradicional acada este cuarto de século comprometida e traballando pola difusión da cultura propia do noso país.

O evento terá lugar no centro sociocultural Mingos de Pita ás 19h. As persoas asistentes poderán desfrutar dunha tarde de música e baile tradicional, cun amplo repertorio de melodías e danzas do país.

No seu 25 aniversario, a AC Donaire está a ofrecer actuacións moi especiais por toda Galicia, con participación de membros de todas as xeracións do proxecto. Festas que conxugan tradición e creatividade, cunha coidada posta en escena que esta fin de semana desfrutará a veciñanza melidá.