Logo ASETEM

O amplo tecido empresarial de Melide está agrupado en asociacións. Así, os comerciantes agrúpanse na Asociación de Empresarios da Terra de Melide (Asetem-CCA Melide), actualmente presidida por Manuel Vázquez García.

Esta agrupación naceu o 30 de outubro de 1989 co fin de defender os intereses do colectivo empresarial da vila. Un dos fitos históricos desta asociación tivo lugar o 27 de maio de 2010, cando o antigo Centro Comercial Aberto Vila de Melide, con preto de 50 membros, se integrou en Asetem para conformar a actual Asetem-CCA Melide.

Dende entón o número de asociados non parou de medrar chegando ata máis de 150 asociados, entre os que se atopan todo tipo de estabelecementos comerciais, hostaleiros, hospedaxes, así coma empresas de servizos.

Entre as numerosas actividades que se desenvolven dende a Asociación de Empresarios da Terra de Melide, cómpre salientar a xa consolidada feira de oportunidades Mercamelide, unha cita que conta coa colaboración do Concello de Melide. Esta cita, na que se ofrecen produtos de calidade a prezos reducidos, ten carácter bianual, desenvolvéndose normalmente nos meses de febreiro e de xullo, coincidindo coas rebaixas de tempada nos estabelecementos comerciais. As instalacións do Palacio de Congresos e Exposicións de Melide acolle os arredor de medio cento de postos que soen participar nesta iniciativa que conta con moi boa acollida entre o público.

A maiores, dende Asetem-CCA Melide desenvólvense diversas campañas especiais para animar as compras nos estabelecementos asociados. Entre elas atópanse as campañas especiais de Nadal, nas que se sortean vales de compra entre todos os clientes que mercasen nos comercios asociados.

Podes consultar máis detalles sobre Asetem-CCA Melide na súa web: www.asetem.com.