Set 17, 2020 | Destacamos, Melide ao día, Novas

O Concello de Melide vén de dar luz verde ao mercado dominical dos postos de téxtil, calzado, ferraxería e produtos agrarios, que quedara suspendido dende mediados do mes de agosto polo incremento de casos da Covid-19 na nosa vila.

MELIDE 9 de setembro de 2020.- Melide recuperará este próximo domingo o seu mercado dominical de téxtil, calzado e ferraxería así como tamén o mercado de venda de produtos agrarios, unha vez que as autoridades sanitarias informan de que o número de casos positivos da Covid-19 na nosa vila descenderon de forma significativa.

O mercado agroalimentario continuará situándose na súa ubicación habitual, a praza das Coles e na rúa Alhóndiga, mantendo sempre as distancias entre os postos. Os veciños e veciñas que se acheguen para mercar terán que manipular os produtos con luvas e manter as distancias para garantir a seguridade como se viña facendo ata o momento.

O mesmo acontecerá co mercado de textil, calzado e ferraxería que seguirá celebrándose na rúa Galicia e na praza das Universidades co obxetivo principal de garantir as distancias sociais que se manteñen na nova normalidade e cumprir así coas medidas de seguridade dictadas polos responsables sanitarios.

A Policía Local encargarase de vixiar o cumprimento das medidas de distanciamento social para velar pola seguridade tanto dos vendedores coma de veciños e visitantes.