Novas

Máis novas

Unha trintena de igrexas no Camiño de Santiago abrirán ata finais de outubro

10/07/2018. A praza do Convento de Melide acolleu a presentación do proxecto polo que as igrexas do Camiño de Santiago abrirán este verán ata finais de outubro, froito dunha colaboración entre Turismo de Galicia e as entidades eclesiásticas

MELIDE 10 de xullo de 2018.- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial de Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe xunto ao bispo da Diocese de Lugo, Alfonso Carrasco, o programa de apertura de igrexas no Camiño de Santiago. Grazas a esta iniciativa de colaboración entre o Goberno galego e as entidades eclesiásticas, numerosos templos de diversas rutas xacobeas abrirán este verán.

O lugar elixido para esta presentación foi a praza do Convento de Melide, onde a alcaldesa da vila, Dalia García, tamén quixo estar presente e agradecer tanto á Xunta de Galicia como a Diócese de Lugo ter escollido ese emprazamento para a presentación deste proxecto. García fixo especial fincapé na necesidade de “dar a coñecer aos peregrinos as xoias arquitectónicas coas que contamos ao longo do Camiño de Santiago”.

No caso da Diocese de Lugo, abrirán ás súas portas igrexas e capelas do Camiño Francés, do Camiño Primitivo e da Vía da Prata. Trátase de espazos localizados tanto na provincia de Lugo como na de Coruña e Pontevedra, en concellos incluídos en dita diocese. A todos eles se engaden os templos da Arquidiocese de Santiago de Compostela no Camiño Francés, no Camiño Portugués e no Camiño Inglés, amais de na capital galega, meta da peregrinación.

TEMPLOS PARTICIPANTES

No caso da Diocese de Lugo, abrangue as igrexas de Santa María de O Cebreiro, Santiago de Triacastela, o punto de información do Mosteiro de Samos, O Salvador de Sarria, San Nicolás de Portomarín, O Salvador de Vilar de Donas, San Tirso de Palas de Rei, San Xoán de Furelos, San Pedro de Melide, Santiago de Boente, Santa María de Fonsagrada, Santa María de Vilabade, a Catedral de Lugo, incluída na declaración de Patrimonio Mundial dos Camiños do Norte, Santiago de Taboada, en Silleda, e Santa María de Dozón.

Pola súa banda, na Arquidiocese de Santiago de Compostela inclúense os templos de A Peregrina en Pontevedra, a Capela de San Marcos no Parque Monte do Gozo, a Capela Xeral de Ánimas, San Bieito, Santa María do Camiño, San Andrés de Barciela, o Mosteiro das Beneditinas, a Colexiata de Iria Flavia, a Capela da Madalena, Capela de Francos, Santo Domingo de Betanzos, Santa María de Betanzos e Santiago de Betanzos.




Compartir:   Compartir Facebook Compartir Twitter Compartir Google+ Compartir Linkedin Compartir Whatsapp